César Portela, Arquitecto encargado da remodelación de Pazo Baión, Premio Nacional de Arquitectura e un dos arquitectos galegos máis recoñecidos, realizou unha detallada exposición do magnífico resultado das obras de remodelación e acondicionamento levadas a cabo nas distintas edificacións de Pazo Baión, e das actuacións paisaxísticas efectuadas nesta insigne propiedade.
Guillermo Rodríguez, presidente de Adega Condes de Albarei, empresa propietaria dende hai 3 anos desta Finca Singular, informou da posta en marcha de diferentes actividades enoturísticas e de ocio en Pazo Baión, co gallo do remate da primeira fase de remodelación. Entre as innumerables opcións que ofrece Pazo Baión, cabe resaltar a realización de visitas guiadas á propiedade, nas que se comentarán aspectos importantes da D.O. Rías Baixas e a uva Albariño e darase a coñecer a interesante historia desta finca mentres se desfruta dun percorrido polas diferentes edificacións, xardíns e viñedos, rematando cunha cata comentada e maridaxe do Albariño Pazo Baión.
Para a realización de visitas, Pazo Baión está aberto durante as fins de semana e días festivos nun horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00, no caso de desexar coñecelo en días laborables, é preciso concertar cita previa no teléfono 986543535 (Patricia/Alicia).
En Pazo Baión é posible celebrar todo tipo de eventos, celebracións e reunións, así como iniciarse ou ampliar coñecementos sobre o apaixoante mundo do viño, coa asistencia a seminarios de cata, vitivinicultura, cultura do viño, que serán impartidos neste marco incomparable.
Adega Condes de Albarei adquiriu Pazo Baión en xullo de 2008, mediante subasta pública. Dende entón, os cambios que experimentou a propiedade foron moi importantes, reflectidos na gran reforma arquitectónica, vitivinícola e paisaxística que deu comezo en setembro de 2009 e rematou, na súa primeira fase, en xuño de 2011, cun investimento próximo ós 5 millóns de euros.